Aninovo, cuadrimestre novo, post novo (que xa eran horas)

Mar 15, 2005 14:31

Non escribía dende o ano pasado. E é que os costumes vanse perdendo. Hoxe vou continuar a miña biografía (que comezara no post do 13 de outubro do ano pasado e que rematou cun continuará):

Cando a miña nai comezou a traballar despois de nacer eu, a filla do que lles vendera a casa viu para coidarme. Eu queríaa moito, e quedoume algo dela: a voz de grito (di a miña nai que grito moito por criarme con ela.) Mari Carmen estivo comigo ata que cumplin catro anos.

Pero antes está o meu trauma: o nacemento do meu irmán Tomi (Tomás). Deixei de se-la raíña da casa, e pasei a un segundo plano. Odiábao. Miña nai non me podía deixar soa con el porque o tiraba da cuna. Pegáballe e mordíalle. E inda por riba, en canto naceu metéronme na gardería (San Xosé, en Borreiros), onde me facían comer sentada (eu acostumo a me por nerviosa se estou moito tempo sentada, aínda na actualidade) e a durmir a sesta nunhas cochonetas azuis. Recordo estar unha hora e algo tumbada mirando ao teito na escuridade. Unha vez unha compañeira que tampouco durmía púxose ao meu lado e cando a vixilancia iba ao baño falabamos. Deume un sugus e para non facer ruido ao abrilo comímolo con papel e todo. Castigáronme moitas veces, e na casa tamén. Pero crecín e me mandaron ao cole.

O cole gustábame moito. Eu era a primeira en chegar porque me levaba o meu pai e tiña que ir cedo a traballar. Entón eu estaba un rato co secretario do cole, que aínda segue alí, Armando. A media mañán dábannos un vaso de leite con Cola cao e algo de comer: os luns donnuts, que non me gustaban, os martes pan(uns bolos riquísimos), os mércores galletas, os xoves bolo de leite e os venres croissant. Algo así. Ademáis ás dúas e media viña o meu pai a buscarme e comía na casa.

Cando tiña catro anos, Mari Carmen decidiu casar de penalti e deixar de coidarnos. E a miña nai estaba a punto de dar a luz ao meu outro irmán. Buscaron e buscaron e atoparon a unha muller que segue na miña casa 16 anos despóis. En Marzo de 1989, cando eu tiña catro anos, o meu pai recoulleume un día e levoume a buscar a Tomi á gardería. Díxonos que tiña unha sorpresa na casa, e eu souben que era Pablo. Era unha cousa pequena, branquiña e rubia. Chamárono Pablo porque quixen eu, e adorábao.

Como cambiarían logo as cousas...
Previous post Next post
Up