A vida (usurpada) dos outros

Jul 29, 2013 23:15

Estarrecémonos con historias, experiencias e amores que terían que ter quedado na intimidade

Carolina daralle nome a un personaxe da vindeira novela do escritor supervendas xuvenil Francisco de Paula. Antonte, a boy band Auryn dedicoulle un concerto en Collado Villalba e o MC Rapsusklei púxose en contacto cos seus para trasladarlles o seu pesar.

Soubemos que era unha boa filla, unha boa amiga, unha boa rapaza. Convertemos a súa irmá Marta en irmá coraxe e asistimos cun nó na gorxa á súa busca de respostas.

A Carolina vímola sorrir nas fotografías e imaxinamos para ela unha biografía exemplar que non tería que ter sido, porque as mozas de dezaoito anos deberían amar, rir e escribir en carpetas no máis absoluto anonimato e deberían facelo durante moito tempo.

Dalgún xeito, usurpamos a vida dos demais, das outras e dos outros. Vampirizamos as súas experiencias, cos seus temores, coas súas rutinas, cos seus azos. Choramos mortes que non son de noso e lanzamos flores brancas nas vías do tren para enxoitar unha dor que non nos correspondería.

É inevitable que manque a falta de Carolina e de todas e todos os que viaxaban naquel tres o 24 de xullo, pero oxalá non tivésemos sabido nunca dela nin dos demais.

(Publicado en El Progreso o 28 de xullo de 2013)

santiago, flores, carolina, vías

Next post
Up