Reincidentes. Vicio, vicio.

Dec 09, 2013 14:13

Fernando Madina é un señor que pronto cumprirá cincuenta anos. Esta mañá souben polo Twitter de Rolling Stone que Madina, baixista e cantante de Reincidentes, está desaparecido logo de ser retido pola Policía estadounidense cando o grupo facía escala no aeroporto de Miami para tocar nun festival en Ecuador. Seica non é a primeira vez que aos Reincidentes lles pasa algo así no aeródromo da capital da Florida; hai tres anos a banda sevillana viaxaba a Colombia e guitarrista, Juan Manuel Rodríguez, foi detido porque, ao parecer, moito se imita a un criminal buscado polo FBI.

Reincidentes non adoita ser un grupo Rolling Stone. Esta publicación só lles fai caso se hai morbo/polémica polo medio. Coido que a última vez que publicaron algo sobre a banda foi cando Fernando Madina lle mandou unha carta a Cristiano Ronaldo como resposta ao me-tienen-envidia-porque-soy-guapo-y-tengo-mucho-dinero do futbolista portugués. Os Reincidentes non interesan en segundo que publicacións supostamente musicais por feitos tan rutineiros como iniciar unha xira ou gravar un disco.

Cando eramos xovens en os noventa, que dirían Os da Ría, Reincidentes estaban moi alto entre as miñas preferencias. A Rolling tiña en pañais a súa edición española e onde se veneraba os Reincidentes era na Heavy Rock. Un mes si e outro tamén viña algunha carta ao director dalgún punki peninsular que se queixaba de que os Reinci se venderan as multinacionais.

Os Reincidentes, con Extremoduro, Boikot, Barricada ou Platero y Tú foron a punta do iceberg do que se deu en chamar rock kalimotxero e os integrantes desta tribo noventeira eramos tan gardiáns das esencias que axiña tiñamos pruritos se pensabamos que os nosos rocanroleiros de cabeceira estaban preto de facerse un fenómeno de masas.

Os que fixemos o botellón antes do botellón eramos multitude, pero nunca o soubemos e enterramos a nosa tribo na espiral do silencio. Non aproveitamos a nosa vantaxe. Por que nos daba tanto repeluco que o 'So payaso' soase nas radiofórmulas? Non era moito mellor cando en Los 40 poñían, de cando en vez, o 'Oveja negra' de Barricada que agora que o 80% da música que se radia nas emisoras especializadas do Estado español está procesada e mastigada en --oh, sorpresa-- Miami? Por que deixamos que o fodido 'Corazón partío' (non penso poñer ligazón) e sucedáneos se fixesen fortes?

Fomos máis os de Platero y Tú que os de Los Planetas. E por moito que hoxe o Fito Cabrales se pase (e moito) con iso de plaxiarse a si mesmo, 'Tras la barra' ou 'El roce de tu cuerpo' forman parte da educación sentimental de centos de milleiros de persoas, quizais millóns.

Hoxe, o triste e preocupante incidente de Madina coa Policía de fronteira estadounidense lévame tres lustros atrás no tempo. Incluso máis. Reincidentes tocaban no Rock and Motos de Palas case relixiosamente cada mes de xullo e o 'Jartos de aguantar' era obrigatorio todas a semanas no Gatos de Melide. A caída do telón de aceiro aínda doída coma un membro pantasta e as xiras de Reincidentes tiñan nomes como 'Todo el poder para los soviets'. Logo viría o dobre directo de 'Algazara'. Trinta e catro cancións que me miraban desde o catálogo da revista Tipo. A miña favorita foi e é a de 'Vicio'. Si, a de "cocaína para trabajar, porque tu curro te lo exige" e "drogar a los viejos todos los días en la Seguridad Social". "En tu cama; en tu casa. Vicio".

E por se fose pouco, Fernando Madina foi tamén o primeiro produtor dos Kambotes, punk rockers de Rodeiro que cantaron como ninguén ata o de agora as bondades do polígono industrial Lalín 2000.

Algazara. 1998


fernando madina, rock kalimotxero, extremoduro, boikot, Platero y Tú, barricada, reincidentes

Previous post Next post
Up