Perdín a tarxeta sanitaria

Jan 28, 2015 14:00



Qué voy a hacer, je ne sais pas. Qué voy a hacer, je ne sais plus. Qué voy a hacer, je suis perdu. Sempre hai unha canción de Manu Chao que lle acae a calquera situación.

O luns perdín a tarxeta sanitaria. Foi no HULA, K ASE, iso seguro, pero non sei como nin en que momento. Se foi cando tiven que sacala da carteira e metela no maquinillo para que me desen o turno de garda para entrar na consulta do endocrino, na propia consulta, cando pedín cita para os vindeiros encontros cos señores doutores que teño para marzo e abril ou no coche, ao caerme do bolso ou dun peto do chaquetón... Ou, quen sabe, o mellor fuxiu de min a moi covarde porque se nos rompeu o amor de tanto usalo con uns e con outras, do ambulatorio ao hospital, do hospital á farmacia e veña e dalle e veña e dalle. A que viviu comigo antes ca esta agora perdida tívena que xubilar porque con tanta actividade empezou a ter gatillazos e un día deixou de funcionar de vez.

E digo eu --que ao mellor é moito dicir-- se podo levar nunha memoria no peto máis pequeno dos vaqueiros unha tempada completa de 'Game of Thrones' en alta definición (en caso de que quixera levala, ollo), por que a administración nos tortura con centos de milleiros de tarxetiñas e de carnés e de hostias? Non se lle poden meter ao carné de identidade os datos do pasaporte, do permiso de conducir, da tarxeta sanitaria do Sergas e máis da europea, do carné universitario --que eu tiven que facer co banco Santander, tampouco sei por que-- ou do da biblioteca? A que conas estamos?

Se a isto lle sumas que non sei dicir que non e que ata me colocaron, 15 anos despois, a tarxeta de Yves Rocher, levo máis plástico no bolso que o que repartiu as black credit cards de Caja Madrid.



E haberá quen me diga que se me fai incordio perder unha tarxeta que só vale para a vida sanitaria --e eu son das que boto oito horas a durmir; oito, no choio, e outras oito, cxs médicxs-- como será se extravío o documento total. Pero, vaia, que eu non ando a perder as cousas así por así, que foi a primeira vez e que non volverá pasar (agardo). E que, quen sabe, se unicamente tes que ter conta dun carné, pode que a intendencia sexa moito máis sinxela.

A burocracia, sempre aí, a facilitarche as cousas moi forte.

Como o de pedir cita por internet para o médico de familia, que só mo permite facer desde o Explorer, ou como a cita online para as análises de sangue, que é a maior comedia da Administración autonómica desde as fotos do dos Peares con Marcial Dorado. De que me sirve a min, conselleira de Sanidade ou quen sexa que tivese a brillante idea, pedir cita para sacarme sangue desde a miña casa ou polo teléfono móbil se teño que desprazarme fisicamente ata o ambulatorio para entregar en man o volante de análitica, cando menos, un día antes? Era iso a administración electrónica?

Polo de agora, terei que ir a unha oficina bancaria para pagarlle á Consellería de Sanidade unha taxa de dez euros de reposición para que no centro de saúde me tramiten unha nova tarxeta sanitaria; un requirimento pensado baixo a idea de que as galegas andamos por aí adiante alegramente a peder a tarxeta sanitaria á mantenta. Pois non.

sergas, tarxeta, plástico

Previous post Next post
Up