Adeus, Eric Northman

Aug 26, 2014 20:29



image Click to view



Adeus, Eric Northman. E adeus, Pamela Swynford de Beaufort. Ata sempre, Jason Stackhouse. Que vaia bonito, sheriff Andy Bellefleur. Aos seus pés, Lafayette Reynolds.



Eric Northman, un vampiro viquingo de máis dun milleiro de anos que le a Strindberg.
Amor absoluto.

Logo de sete anos da miña (as nosas) vida, este luns asistín ao derradeiro episodio de 'True blood', unha serie que hai moito tempo que empezou a desvariar, pero da que había que ver o remate unha vez chegada a esta altura.

'True blood' foi perdendo polo camiño esa atmosfera castradora, húmida, cheirenta e supersticiosa da Luisiana máis redneck e evanxélica que lle puxo Alan Ball nese maxistral capítulo piloto. Ese mundo pailán e concentrado en si mesmo ao que chegan vampiros übermolones recén saídos do armario, vestidos de coiro e cun excelente olfacto para os negocios.

A serie foise desprendendo dos seus sinais de identidade paseniñamente, pero ían resistindo acicates vestidos de sarcasmo e humoradas imposibles. Secundarios que hai tempo que lle roubaron a carteira e aos protas --de verdade que a alguén, en 2014, lle seguían a interesar os lánguidos amoríos de Sookie Stackhouse e Bill Compton?--, autoparodia en overdose e unha galería de chulazos e chulazas que se dan bambú dun xeito desprexuizado.





Pam, disfrazada de Laura Bush.

Hai tempo que me perdín as tramas de  raíñas vampiras de Nova Orleans, fadas prolíficas e perigosas, telepredicadores ultraconservadores e lideresas no mellor estilo de Sarah Palin, homes e mulleres tigre que cociñan cristal, licántropos dopados que zumegan testosterona, a tía Petunia de Harry Potter como xefa dunha comunidade de wiccana, soldados aos que persiguen as pantasmas do Oriente Medio e cambiaformas con cintos de fibela imposibles.

Como aderezo, cantidades industriais de salsa de tomate na mellor tradición tarintiniana e algúns dos mellores tópicos do xénero de terror revisitados. Que hai desas carreiras desesperadas de Sookie, en salto de cama, polo cemiterio, para cubrir a distancia entre a súa casa e a de Bill Compton? En que peli das de berrar falta un personaxe tan adorable como lerdo do calibre de Jason Stackhouse?

O capítulo final?

Pois decepcionante, como toda a derradeira tempada, que ten tan pouca chicha que se perde nunha maraña de flashbacks que non lle interesan a ninguén e que apenas garda un par deses momentos hilarantes que salvaron a serie desde a cuarta entrega.

Con todo, e malia certa sensación de tempo desperdiciado, sei que botarei de menos a Pam cando lle fai mechas de papel de prata a Eric Northman. Que as pestanas postizas e os pendientes de Lafayette son marabillosos. Que a camiseta perdida de Joe Manganiello era perfectamente prescindible. Que as forzas da orde de Bon Temps, o sheriff Bellefleur e o seu deputy Jason Stackhouse e os axentes Kenya e Kevin, deixaron momentazos. Quizais non para a posteridade, pero si para un bo cacho.



Un vampiro con mechas.

E os chulazos, reitero.

E unha careta de introdución, absolutamente xenial, con música de Nathan Barr e que conta tres historias: de fanatismo relixioso, de corpos en descomposición e de twerking en garitos de mala morte. 'Bad things'.

Como a vida mesma.

true blood, chulazos, eric northman

Previous post Next post
Up