cómico, ja! paradoxos

Sep 24, 2006 16:31


A ovación
O ministro de economía tomou a palabra na convención anual que reunía ós banqueiros máis influentes do país e anunciou con voz grave que se aveciñaban anos de pobreza e depresión. O auditorio prorrompeu nunha calorosa ovación.

A extinción dos dinosauros
Dous días antes da caída do descomunal meteorito, o último dos dinosauros subiu a bordo da derradeira nave enfundado no seu traxe espacial e afastouse da Terra con bágoas nos ollos.

A falsa besta
A bela, coma no conto, namorouse da besta. Entregouse sen titubeos, e a besta transformouse nun fermoso ser con encantos tales que fixeron palidecer o atractivo da bela quen, incómoda, emprendeu a busca dunha auténtica besta á que amar.

A rosa
Ó acordar co talo na man e o sangue callado nos dedos, a muller lembrou o misterioso descoñecido que durante a noite a espertara un instante do seu soño e lle entregara unha rosa mentres murmuraba: "Esta é a proba do meu amor, non d amiña existencia".

Fuga de monotonía
A súa vida cotiá era unha continua sucesión de miudezas.
-¿Que tal che foi a mañá, corazón?
-Coma sempre, meu rei, ¿e a ti?
-Coma de costume, miña rula. ¿Portáronse ben os nenos?
-¿E como se van portar ben eses monstros?
Repetía o mesmo diálogo, con lixeiras variantes, día tras día, noite tras noite.
Unha mañá saíu da casa cara ó traballo, coma sempre, como de costume. Pero foi ó banco, retirou todo o diñeiro da familia, adquiriu un billete con destino a un país tropical e encamiñóuse ó aeroporto. Non se despediu de ninguén, nin da súa amante, nin do colega co que adoitaba atracar ós viandantes, nin do madamita co que se encamaba todas as fins de semana, nin do mesturados que lle subministraba as súas drogas preferidas, nin do precioso neno do piso de abaixo co que trocaba sexo por lambetadas.
Mentres ollaba a revista do avión pensou con imprevista nostalxia se alguén o estrañaría.

De Cincuenta asasinatos breves e un prólogo, de Antonio Sánchez Lorenzo
Previous post Next post
Up