"SonDeSeu: 10 anos do C.M.T. da Escola de Artes e Oficios de Vigo"
Xoves, 1 de Xuño ás 22.00 H.
Teatro Sá de Concertos do Centro Cultural Caixanova
Reserva de localidades ben na www.caixanova.es , ben na taquilla telefónica 902 504 500
A creación do Conservatorio de Música Tradicional, dentro da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (antes Universidade Popular) en 1996 ven inaugurar un novo xeito de concebir os centros educativos no amplo mundo do ensino da música popular galega.
Cumprénse 10 anos da súa aparición e polas súas aulas teñen pasado a maior parte dos músicos que na actualidade manteñen vivo e creador o mundo da música tradicional e a súa expresión urbana: o folc.
Un dos máis importantes fitos no decorrer destes anos ten sido a formación da primeira Orquestra Folc en España: Sondeseu. Co seu primeiro traballo discográfico no mercado (Mar de Vigo, que merecéu mencións especiais da prestixiosa revista Folk Roots e dos medios galegos españois especializados) e o segundo en proceso de produción, Sondeseu xa é un referente nacional e internacional.
O espectáculo “Sondeseu: 10 anos do CMT” celebra esta data así como a creación da Federación Europea de Orquestras Folc, da que a nosa formación é promotora, invitando á súa réplica na Bretaña: An Avel, unha prestixiosa banda formada por 20 profesores e estudantes da música popular bretona.
O espectáculo conta asemade coa intervención do ensemble de profesores do CMT, todos eles cunha longa experiencia na avangarda da música galega, nomes coñecidísimos de todos os amantes de este xénero, que preparan un pequeño repertorio expresamente para a ocasión.
Xunto con Sondeseu, outra moi prestixiada institución, O Fiadeiro, pon a danza, o movemento e as cores das súas espectaculares coreografías, rematando todos nunha mistura engaiolante de baile e música.